José Manuel Chamorro Gonzaléz, presidente da Asociación Veciñal da parroquia de Priegue, ven de presentar un escrito de reclamación no que solicita que non sexa aprobado definitivamente polo pleno da Corporación Municipal a Modificadión da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI), e se manteña no actual tipo de gravame para os bens inmobles de natureza urbana no 0,50%.

Anteriormente a directiva da Asociación xa expresou publicamente a súa desconformidade co incremento do imposto e solicitou á corporación que reconsiderase o aumento de carga tributaria para a cidadanía, tamén manifestaron a súa intención de tomar accións, como se aprobou na asamblea celebrada o pasado día 3 de decembro.

“Son moitas as queixas que recibimos ante esta inxusta subida do IBI, nos estamos para defender os dereitos dos nosos veciños e veciñas, por iso tomamos a decisión de presentar esta reclamación. Estamos ante unha crise económica que está a afectar gravemente as familias, non entendemos como se pode alardear de ter unhas contas saneadas, e aforros nas arcas municipais, e aínda así afogar fiscalmente a cidadanía”, traslada José Manuel Chamorro.