Sabinevanerp

A Deputación de Pontevedra abre este luns 29 de xaneiro o prazo para participar en Provincia Activa, destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros.

O programa ten como obxectivos favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores. As entidades interesadas en beneficiarse de Programa Activa poderán solicitalo entre este luns e o 26 de febreiro.

A través de Provincia Activa ofreceranse un total de 130 obradoiros. Cada un deles estará dirixido a un máximo de 25 persoas e cada entidade solicitante poderá pedir un obradoiro entre os ofertados que, á súa vez, estarán enmarcados en seis temáticas: “Benestar natural”, “Saúde en movemento”, “Emociónate”, “Outra vida”, “Con Ritmo” e “Redeir@s”.

En “Benestar natural” inclúese un obradoiro sobre plantas medicinais e en “Saúde en movemento” actividades de pilates, ioga e ximnasia de mantemento. Pola súa banda “Emociónate”, centrada na saúde mental, abrangue obradoiros de memoria, musicoterapia ou risoterapia e “Outra vida” talleres relacionadas co teatro ou a restauración de mobles.

Ademais, a través de “Con Ritmo”, a quinta das temáticas, ofertaranse cursos de bailes de salón, pandeireta e canto popular e, finalmente, con “Redeir@s” achegarase formación centrada en dotar ás persoas maiores de habilidades dixitais e coñecementos avanzados en informática.