Este mércores, alumnos de primaria do «CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios» participaron, no seu colexio, na actividade titulada «Comercio con Sentido», dirixida especialmente a escolares co obxectivo de achegalos ao comercio xusto e o consumo responsable, para acabar coas desigualdades entre os países produtores e os consumidores.

A actividade ten como base unha exposición con ilustracións do debuxante pontevedrés Xoán Arellano, que en clave de humor explica para nenas e nenos as relacións comerciais norte-sur, os actores do comercio internacional, as inxustas regras que definen as políticas comerciais …

A exposición compleméntase con tres stands nos que as monitoras amosaron ao alumnado como se producen, quen os transforma e como se distribúen os beneficios do comercio de produtos como o azucre, o cacao e o café, a segunda materia prima que máis se exporta despois do petróleo. A actividade presenta os problemas pero tamén as solucións: o comercio xusto.

A actividade realizada polo alumnado do «CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios», incluíu o obradoiro «cociñando con Comercio Xusto» na que participaron o alumnado de 5º e 6º de primaria.

Esta actividade de «Comercio con Sentido» está desenvolvida pola asociación Solidariedade Internacional de Galicia, que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra e a colaboración do Concello de Nigrán.