A moción do BNG que instaba a investir os remanentes municipais na atención das necesidades reais de Gondomar foi aprobada no pleno celebrado o pasado xoves.

O Concello de Gondomar concluíu o exercicio 2023 cun remanente de tesourería por riba dos 2,7 millóns de euros, unha importante cantidade de recursos que, lonxe de mostar aforro ou eficiencia, «poñen evidencia a ineficacia do goberno de Paco Ferreira para xestionar os recursos achegados pola veciñanza as contas municipais, e a súa incapacidade para aprobar un orzamento propio, que condena a Gondomar a manter as contas prorrogadas desde o ano 2012«, resalta a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A iniciativa do BNG, «pretende obrigar ao goberno municipal a investir unha parte importante deses fondos en favor do interese público xeral», indica Rodríguez, «e a facelo con celeridade, antes de que o Estado levante a suspensión das regras fiscais que impedirían esa utilización».

Para efectivizar os acordos recollidos na moción do Bloque, o Goberno municipal debería proceder, coa maior axilidade, á incorporación nos orzamentos municipais de 1.160.000 €, o 42% dos remanentes, para os destinar aos seguintes usos e aplicacións:

  • 815.000 € para dotar de saneamento e auga a vivendas que carecen destes servizos, sexa de forma directa ou a través de axudas ao baleirado de fosas sépticas e ás comunidades de auga parroquiais.
  • 190.000 € para a habilitación do comedor do CRA Antía Cal na antiga casa da mestra en Peitieiros, para o apoio as aulas matinais nos colexios e para melloras nos centros educativos públicos do concello.
  • 115.000 € para melloras en parques infantís e bio-saudábeis e para a realización de accións de apoio e impulso ao pequeno comercio e de proximidade.
  • 40.000 € para dotar á biblioteca municipal de fondos bibliográficos e en galego, mercados nas librarías do concello, para a realización de actividades de fomento da lectura, e para incrementar as subvencións de cultura e a recuperación da programación cultural municipal nas parroquias, descentralizada da vila.