No pleno celebrado o pasado mércores o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción que resultou aprobada para que se sinalizarán todas as fontes da Guarda, naquelas nas que non exista un proceso de potabilización, e nas que se teña constancia de que a poboación recolle auga para consumo humano, exporanse os resultados das últimas análises realizadas, co obxectivo de que a veciñanza teña a máxima información sobre a súa calidade.

«Despois de que o Concello colocase uns carteis, de interpretación dubidosa, en varias fontes moi utilizadas da vila como a da Cal, Buxán ou Pintán, e trala denuncia de varios veciños, decidimos presentar unha moción ao respecto«, sinalan dende o Grupo Socialista.

En dita moción solicitábase que, por un lado, se sinalizaran todas as fontes da vila, indicando se a auga que mana das mesmas é ou non apta para o consumo humano, «e no caso daquelas nas que non exista ningún proceso de potabilización, ademais do cartel que Sanidade indica (Auga Sen Garantía Sanitaria. Auga sen tratamento de desinfección, procedente de fonte natural. O Concello no pode garantir a súa calidade), se coloque outro a maiores, no que conste a data do último análise e os resultados obtidos, indicando se, trala analítica, a auga se consideraba ou non apta para o consumo humano».

Dende o Grupo Socialista indican que a Concelleira de Medio Ambiente tentou, durante a súa intervención, «poñer en dúbida as labores de control das fontes do anterior equipo de goberno, chegando a afirmar que as últimas analíticas completas foran feitas no 2015, sendo esta afirmación é completamente falsa. As fontes sempre se analizaron de forma regular e seguindo a normativa, e naquelas nas que se sabía que a poboación recollía auga, facíanse controis cada mes ou cada dous meses como máximo».