Carlos Gómez Prado afirma de forma tallante que “o Peri Covaterreña aprobouse no ano 2014 co único voto a favor do PP do señor Almuiña e o voto en contra do PSOE”.

“A comunidade educativa do colexio xa mostrou a súa desconformidade no Plan Xeral de 1994; o señor Almuiña, coñecendo ese descontento, non só ratificou o PERI no 2014, se non que ampliou as dimensións do viario que afecta ao patio do colexio”, explica.

Ademais, Gómez Prado sostén que “dende hai meses, os servizos técnicos municipais buscan unha solución para que o desenvolvemento urbanístico afecte o menos posible ao espazo dotacional do colexio Cova Terreña”.

“Descoñezo cal é o interese e a motivación de levar este tema ao debate público a uns días das eleccións municipais, polo que quero deixar moi clara a miña postura e a de todo o meu grupo político”, engade.

“Estamos a falar dun Peri aprobado polo PP, coa nosa oposición desde o primeiro día, polo que comprendo e apoio a preocupación da comunidade educativa”, remata Gómez Prado.