Carlos Gómez Prado

Carlos Gómez Prado, candidato socialista á reelección como alcalde de Baiona, asegurou esta tarde que “continuaremos cos proxectos xa encamiñados para modernizar a rede municipal de auga”.

“Están en marcha varias iniciativas para sensorizar e dixitalizar a rede, que impulsaremos nos próximos meses para reducir por debaixo do 10% as perdas e fugas da rede municipal de auga”, afirma.

“Xa antes da pandemia, no segundo semestre de 2019, detectamos un nivel de fugas que rondaba o 30% na rede municipal despois de moitos anos sen unha estratexia para reducilas, por iso activamos un plan de acción para revertir esta situación”, explica Gómez Prado.

O candidato socialista lembra que “o concello está pendente dun proxecto para a mellora da eficiencia e a modernización dos seus sistemas de abastecemento e saneamento, presentado ás axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE de dixitalización do ciclo de auga) do Goberno, por un importe total de 2.103.848,22 euros”.

“O proxecto opta a fondos europeos para impulsar a dixitalización e sensorización da rede de Baiona coa instalación de equipos tecnolóxicos de última xeración, que permitirán un control exhaustivo dispoñendo de información precisa en tempo real do estado da auga e das nosas infraestruturas, mellorando a eficiencia enerxética, a redución de perdas de auga, a información dos usuarios sobre o seu subministro e un adecuado control dos verquidos”, engade Gómez Prado.

Ademais, lembra que “o pasado outono impulsamos unha serie de actuacións na rede de auga potable do municipio para ter un control exhaustivo do consumo e unha localización das fugas”.

A empresa concesionaria do servizo instalou contadores para controlar a entrada de auga en diferentes zonas da vila e na saída da potabilizadora de Baíña; comparamos dede entón a auga que chega a cada barrio e os consumos dos veciños, co obxectivo de saber se existen fugas e actuar o antes posible”, sostén o candidato á alcaldía.

Queremos dar un paso máis, mellorando o servizo aos veciños e coidando un recurso tan valioso como é e será a auga”, remata Gómez Prado.