Con motivo da celebración das Letras Galegas, Castelao e Rosalía de Castro, persoeiros ilustres da literatura e cultura galegas, ocupan un espazo na planta baixa da Casa dos Alonso da Guarda ata o vindeiro 24 de maio.

As dúas mostras, organizadas a primeira polo propio Concello da Guarda e a segunda pola Casa de Rosalía e Deputación de Pontevedra amosan diferentes perspectivas dos autores, pero coinciden en render homenaxe á súa figura como impulsores no uso e recoñecemento do galego como lingua e das formas propias e particulares da cultura e sociedade galegas

A exposición dedicada a Daniel Alfonso Castelao recolle unha escolma de publicacións, que fai un percorrido do persoeiro dende a súa importancia como Construtor de Nación (Ed. Galaxia, 2021 M.A. Seixas Seoane) amosando os exemplares de Sempre en Galiza e Alba de Gloria, os seus comentarios ao Estatuto de Autonomía do 36, as publicacións en A Nosa Terra, e a recompilación das diversas obras que estudan a súa traxectoria tanto política como literaria.

A exposición dedicada ao Herbario de Rosalía, pola súa parte, recala na Guarda dentro da longa xira que está a realizar por todo o país dende que no 2022 se inaugurara no Real Xardín Botánico de Madrid. Esta exposición parte dun traballo feito polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.

A exposición, patrocinada pola Deputación da Pontevedra, está dividida  en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así­ como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompañado dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalí­a e a proxección da totalidade dos pregos.

As exposicións poderán visitarse dende o día de hoxe ata o 24 de maio no caso do Herbario de Rosalía e o 30 de maio no caso da Exposición de Castelao.

Aproveitando ambas mostras e a efeméride das Letras Galegas mesmo espazo acolle unha mostra con selección dalgúns dos autores locais como son Gómez Alfaro, Chuny Alonso ou Generoso Álvarez. Esta mostra estará visitable dende o día 19 de maio ata o 30.