Denuncian a falta dun pediatra substituto no centro de saude de Baiona
Os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego - Asembleas Abertas en Baiona, Xosé M. Marcote e Iago Pereira, ca reclamación na man

Os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas en Baiona, Xosé M. Marcote e Iago Pereira, presentaron no día de hoxe, xunto con varias afectadas, reclamacións no centro de saúde baionés por non dotar o SERGAS de substitucións do pediatra no mesmo centro no caso de vacacións ou baixas.

Dende o BNG explican que «a reclamación ten orixe ao ter coñecemento o Grupo municipal do BNG, a través de varias afectadas, de que tanto o pasado 28 de Abril como os días 2, 12, 15 e 16 de maio no centro de saúde non se puido prestar asistencia pediátrica pola ausencia do seu pediatra titular, derivando as consultas ao centro de saúde do Val Miñor (Xunqueira)».

«Esas ausencias«, afirman, «significaron na práctica que en Baiona non houbo asistencia pediátrica durante cinco días, localidade que conta cunha poboación de 12.000 habitantes. Os usuarios e usuarias víronse así na obriga de ter que desprazarse a un centro alternativo, situado a cinco quilómetros de distancia, cos conseguintes atrancos na mobilidade que iso conleva».

Ademáis das reclamacións presentadas o BNG-AA realizará unha campaña de difusión da cuestión, facilitando modelos de reclamación para que as afectadas e afectados as presente no propio centro de saúde baionés.

O BNG-AA considera que ante esta acción «a dirección do SERGAS debe obrar en consecuencia e poñer a disposición do centro de saúde de Baiona un pediatra substituto sempre que sexa necesario«.