No CEIP Pintor Antonio Fernández de Tomiño hai unha inquedanza continua sobre a adecuación das metodoloxías do centro ás características que presenta o alumnado de S. XXI e a forma de aprender que estas implican.

É por isto que considera a observación e reflexión de profesionais de dentro da escola e doutros centros educativos como estratexia que permite coñecer experiencias metodolóxicas innovadoras, formas organizativas e de xestión dos recursos, boas prácticas, e por suposto, reflexionar sobre a práctica docente.

Para tal fin, no curso 2022-2023 os docentes do CEIP Pintor Antonio Fernández xa visitaron algunha escola da comarca pero no curso actual están a participar do Programa Observa-Acción da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais, programa no que está a participar xunto co seu centro emparellado o CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados.

O programa consiste en que cada un dos centros educativos analice as súas fortalezas/debilidades/ameazas/oportunidades e detecte as súas necesidades de mellora para posteriormente aproveitar a observación destes aspectos como ferramenta de inicio dun proceso de cambio.

1ª etapa do programa: Observación no propio centro

Inicialmente, cada persoa participante debe observar no seu centro a práctica docente das persoas compañeiras e ser observado polas mesmas. No CEIP Pintor Antonio Fernández, as observacións internas transcorreron en dúas semanas entre o 20 de novembro e o 1 de decembro, onde se realizaron observacións holísticas e focalizadas da práctica docente en Ed. Infantil e no Departamento de Orientación.

2ª etapa: Observación no centro emparellado.

Aquí é onde entra en xogo o centro emparellado. A mediados de marzo, as participantes do Pintor Antonio visitaron o centro de Cambados e observaron a dinámica de Ed. Infantil, a práctica de psicomotricidade, visitaron as instalacións, visionaron como impartían unha clase de matemáticas en Ed. Primaria, obradoiros internivelares de toda a escola, e participaron dunha charla de formación dedicada a familias. Pola tarde, puxeron en común observado e deron propostas de mellora sobre o visto.

Foi na primeira semana de abril, cando o CEIP Pintor Antonio recibiu as persoas observadoras de Cambados, visionaron a dinámica do centro, coñeceron as súas instalacións e a contorna, participaron de dinámicas cooperativas entre o profesorado, vivenciaron a intervención da orientadora, e experimentaron obradoiros internivelares e a libre circulación na Ed. Infantil.

Seguindo o mesmo esquema que na outra visita, pola tarde, reflexionouse sobre o observado e propuxéronse melloras aos aspectos mencionados.

3ª etapa: elaboración da memoria final conxunta.

Por último, realizarase unha última quedada conxunta para realizar a memoria sobre o traballo realizado, plasmar ideas e canles de colaboración futuras que xurdiron dos encontros e das necesidades detectadas compartidas en ambos centros.

A participación deste programa está sendo moi satisfactoria para ambas escolas, e como proba disto é que xa ven a observación como práctica a instaurar na súa dinámica interna habitual como instrumento reflexivo pero tamén como estratexia para iniciar e difundir prácticas pedagóxicas do centro.