A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, participaron este mércores na Praza do Concello de Gondomar na décimo cuarta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as Violencias Machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.
Na súa intervención, a deputada de Cohesión Social e Xuventude, fixo un chamamento á mocidade dos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe, do concello do Val Miñor, para que se impliquen na erradicación da terrible lacra das violencias machistas. Neste contexto, Rivas manifestou a súa preocupación porque “nos últimos dez anos triplicouse o número de adolescentes detidos investigados por violencias machistas”. Por este motivo, a deputada provincial instou á mocidade a sumarse a esta loita porque “vós sodes as e os protagonistas, sodes quen verdadeiramente podedes cambiar a situación e estou convencida de que o ides facer”, asegurou Rivas.
Amais, a deputada de Cohesión Social e Xuventude recordou o número de mulleres asasinadas en España por mor das violencias machistas. “O ano pasado foron 55 e de formas terribles e crueis: apuñaladas, tiradas polas escaleiras e fiestras… e este ano xa foron asasinadas 16, a última unha muller galega, do Porriño, asasinada vilmente a tiros”, indicou a deputada provincial. Digna Rivas asegurou que os datos son “arrepiantes, non os podemos consentir e por iso estamos a promover a reflexión, o debate conxunto a través de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, queremos loitar contra esta situación inxusta e romper coas barreiras da desigualdade”.
A intervención artística efectuada na Praza do Concello de Gondomar tivo como protagonistas a Noelia Blanco, Celina Fernández e Pia Nicoletti, tres actrices tituladas pola ESAD que no 2016 crearon “Inherente Teatro”. Blanco, Fernández e Nicoletti interpretaron a peza “Mullieris” na que se reflexionou desde o visual e o poético, sobre a nosa posición no mundo contemporáneo no día a día, partindo desde o cotián en busca dos límites do socialmente aceptado.