ALFREDO// Una papelera en una calle de Nigrán. (Archivo)

Da documentación que está en poder do Concello, examinada polo grupo municipal de Nigrán Decide, despréndese que no contrato de lixo adxudicado polo pleno do Concello de Nigrán o día 29 de outubro de 2004 estaba incluída a recollida de vidro, sen que se producise desde ese pleno ningunha modificación do contrato por parte do mesmo, que sería o órgano competente para realizalo.

Sen embargo, estes servizos non foron axudicados a CESPA, segundo se desprende dun escrito presentado no Concello de Nigrán pola empresa adxudicataria o 25 de xuño de 2006. Concretamente, CESPA, en dito escrito afirma que “O servizo de recollida de vidro, a pesar de que se ofertou no estudo presentado, non foi adxudicado a CESPA”, para continuar decindo que “é un servizo alleo as súas competencias”.

A Nigrán Decide cónstalle que estes servizos non foron realizados por CESPA até o ano 2012, pagándoselle a CESPA, desde o inicio do contrato, como se os realizase, ao pagarlle anualmente a cantidade ofertada na súa totalidade, na que estaban incluídos nesa cantidade os servizos de recollida de vidro que a empresa adxudicataria valoraba nun total de 16.358,47 euros anuais, co cal a cantidade cobrada indebidamente estes anos podería ascender a 115 mil euros.

Hai algo oscuro neste caso, indica José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, pois, de seren certas as afirmacións dun escrito enviado ao Concello por CESPA nas que indica que a recollida de vidro non lle foi adxudicada, os gobernos do Partido Popular houberon realizar, cando menos, dúas modificacións de contratos, probablemente verbais, pois non figura en ningunha acta plenaria, o que sería totalmente ilegal. Unha, ao vulnerar os pregos aprobados para a realización do contrato ao non adxudicar a recollida de vidro, tal como afirma CESPA, e outra para empezar a prestar o servizo a partir de 2012.

Nigrán Decide pedirá no próximo pleno que se inicie o expediente para determinar a cantidade pagada por servizos non realizados pola recollida de vidro e que se reclamen a CESPA aqueles non prescritos. Dita cantidade, incluíndo as revisións de prezos, poderían ascender a 115.000 euros.

Para finalizar, o grupo municipal de Nigrán Decide, lamenta que teña que ser o seu grupo, e non o equipo de goberno o que teña que defender os cartos e os intereses da cidadanía mediante mocións, preguntas e rogos, relativas a servizos pagados e non realizados por parte de empresas concesionarias. Parece que ao PSOE lle falta enerxía para corrixir as desfeitas realizadas polo Partido Popular, finaliza José Cuevas.