Concello de Nigrán
RUBENS // Concello de Nigrán

Nigrán Decide pedirá ao goberno municipal que retire a súa proposta de bases das subvencións, por ser continuistas das implantadas polo Partido Popular e estar deseñadas para que non se concedan na súa totalidade, e así poder repartilas de xeito opaco e caciquil, a dedo.

Coas bases actuais, no ano 2016 concedéronse menos dun 30% das cantidades previstas para subvencións de actividades culturais, festeiras e deportivas, tal como vaticinara o grupo municipal de Nigrán Decide durante o pleno no que se aprobaron, razón pola que se abstivo, ao estar configuradas para non concederse na súa totalidade, mentres o goberno municipal repartiu, na que nos denominamos caixa b das subvencións, miles del euros sen ningún tipo de procedemento transparente, nalgúns casos subvencionando a algún colectivo até 3 mil euros, cando o limite por entidade era de mil euros.

Tamén subvencionouse a colectivos que non presentaron ningún tipo de solicitude polo procedemento regulado polas bases ou que non cumprían os requisitos para acceder a elas.

A realidade é que quen coñece o procedemento opaco e caciquil de concesión de subvencións, o emprega xa que se aforra todo o traballo da tramitación burocrática, non ten prazos para a súa solicitude nin se lle limita a subvención a unha cantidade máxima, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para finalizar sinalando que estase a producir unha discriminación entre os colectivos, xa que a súa concesión depende unicamente da vontade do goberno do momento, sen seguir ningún procedemento transparente e público.

As bases de subvencións que presenta o goberno para a súa aprobación neste pleno só foron modificadas na contía máxima que pode percibir unha asociación ao pasar de 1.000 a 1.500 euros e non na estrutura herdada das implantadas durante o mandato do Partido Popular, polo que  o grupo municipal de Nigrán Decide considera que só se van, a conceder 30 mil euros aproximadamente, dos 72 mil orzamentados e así poder o goberno municipal continuar empregando a chamada caixa b das subvencións.