No pleno celebrado este xoves, Bea Lomba, encargada de defender a posición do BNG neste asunto, manifestou que “somos plenamente conscientes que o paso dos anos deteriorou esta infraestrutura, pero tamén de que o mantemento non foi precisamente exemplar, así o reflicte a propia auditoría técnica encargada polo Concello”.
Despois de mostrar a súa posición crítica polo deterioro ao que se lle deixou chegar a piscina, a nacionalista foi enunciando as propostas do BNG que se resumen en catro puntos:
- Acometer un proxecto de reforma integral onde se atendan tanto as carencias arquitectónicas do edificio como aquelas de carácter enerxético que fagan viábel o futuro da piscina.
- Facer un estudio comparativo que determine se é máis vantaxoso para o Concello e para os usuarios a municipalización do servizo ou facer unha nova licitación.
- Determinar as posibeis neglixencias co mantemento das instalacións para o que esixiu o libro oficial de mantemento e coñecer a fiscalización que deste mantemento tiña obriga de levar o Concello.
- Facer unha auditoría externa para estimar a contía real do reequilibrio económico que demanda a empresa, aspecto este compartido polo grupo de goberno.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz pola súa parte manifestou que “a piscina é un servizo fundamental para A Guarda e non se pode poñer en perigo a súa continuidade. Urxe abordar a súa reforma integral e estudar a posibilidade da súa municipalización”.
