Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusión dos 11 anos de recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario.

A  COVID 19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos  para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.

O portavoz municipal, Iago Pereira pon de manifesto que “diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, restrinxir consultas e probas diagnósticas”. Apunta tamén que “a consellería de sanidade  centra a atención primaria na consulta telefónica, o que está ocasionando moitas dificultades tanto e graves deficiencias para a veciñanza”, Pereira tamén entende que “a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia sanitaria do sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación. Esta situación pode levarnos a un  problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía…” concluía o nacionalista Iago Pereira.

A deputada no parlamento galego polo Bloque Nacionalista Galego, Carmela González analizou o funcionamento do SERGAS que, debido aos recortes do PP ten “unhas consecuencias desastrosas con escaseza de profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados e incluso persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros”

Deste xeito, Carmela González, reclama con acción inmediata á Xunta de Galicia iniciativas como “realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria”, engade tamén como fundamental “modificar o Decreto que regula as áreas e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos”, acompañando todo isto precisa “aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros”