O BNG insta a Paco Ferreira a convocar reunións dos grupos municipais para acelerar constitución do Consello Escolar Municipal de Gondomar. A organización nacionalista ven de presentar, co apoio dos demais grupos da oposición, a solicitude de convocatoria da Xunta de Portavoces e da Comisión de Asuntos do Pleno para forzar a posta en marcha do debate e elaboración do Regulamento.

Malia que hai xa tres meses que se aprobara por unanimidade a moción do Bloque que instaba ao goberno local á creación do Consello Escolar Municipal, e logo de ter presentado tamén unha proposta de regulamento, non se produciu ningún signo de avance”, lamenta a portavoz municipal, Manuela Rodríguez.

O BNG rexistra agora un documento que insta a convocar, antes do 12 de maio, unha reunión da Xunta de Portavoces para acordar a data de convocatoria da Comisión Informativa de asuntos do Pleno. O obxectivo é establecer o proceso de elaboración da versión do regulamento a propoñer para aprobación inicial polo Pleno; un calendario que inclúa a posta en común coa comunidade educativa, para lle dar tamén voz no camiño de acadar o maior consenso posíbel. O escrito presentado conta coas sinaturas necesarias para que, en virtude das normas de funcionamento dos órganos municipais, o Alcalde se vexa na obriga de convocar ambas reunións.

Ademais de que Gondomar cumpra coa lei de consellos escolares de Galiza, que recolle que os municipios que dispoñan de polo menos un colexio no seu territorio deberán constituír o Consello Escolar Municipal, desde o BNG reiteran que con esta proposta o que pretenden é que a súa constitución permita “a participación do conxunto da comunidade educativa na vida municipal e a súa necesaria interlocución coa administración e os seus gobernos, de xeito que contribúa ao funcionamento óptimo do ensino no noso concello”.