O BNG de Oia vai presentar no próximo pleno 27 de maio dúas mocións, unha sobre a “Enerxía eólica e sustentábel, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación” e outra sobre a “Remodelación da praza Alsirio Fernández Rodríguez” en Mougás.

No ano 1994 fíxose unha homenaxe ao director da banda de música de Mougás, Alsirio Fernández Rodríguez, que durante 40 anos dirixiu de maneira brillante esta agrupación. Ben merecido foi este recoñecemento e a dedicación dunha praza co seu nome deixando para a historia tan abondoso legado.

«Dende o BNG pensamos que ese lugar necesita un cambio, unha mellora, unha remodelación integral que se converta nunha verdadeira praza; un espazo que mude a faciana que ofrece actualmente o en torno e que dignifique a quen foi homenaxeado», sinalan os nacionalistas.

Na moción, os do BNG propoñen que se vote: o cambio de firme por pedra, plantar algunha árbore para que nos meses de calor haxa sombra e fresco onde a veciñanza poida ter un espazo público de lecer, colocación de mobiliario, retirar os contedores do lixo para evitar o seu impacto visual, negociar cos propietarios dos terreos inferiores para crear un aparcadoiro para os coches e a posibilidade de ampliación da praza, informar e axudar aos veciños do en torno da praza para o embelecemento das fachadas dos seus fogares e unha nova localización máis visible para a obra medallón en pedra de Alsirio Fernández. «A súa vez beneficiaríase o centro cultural de Mougás mellorando o seu en torno quedando complementado cun espazo máis agradable para o gozo dos veciños e favorecendo a atracción doutros visitantes», apuntan.

«Cremos- din– que este tipo de actuacións son máis necesarias ca nunca para facer vilas e parroquias saudábeis para as persoas, para recuperación do patrimonio e como resposta a mitigar os efectos do cambio climático fomentando outro tipo de mobilidade e espallamento. Polo tanto, confiamos na aprobación desta moción, aínda que temos presente o recente rexeitamento doutra moción do BNG semellante coa praza de Burgueira onde o PP rexeitou a nosa proposta», rematan os nacionalistas.