A Eurocidade Cerveira-Tomiño prepárase para un 2024 cheo de proxectos e actividades. Durante a celebración da última reunión do Comité de Xestión Estratéxica (CGE), a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, abordaron o plan de acción previsto para este ano, co que se busca consolidar a dinámica de cooperación transfronteiriza existente, fortalecendo aínda máis o sentimento de pertenza de ambas poboacións a un territorio común ao tempo que se traballa en aspectos de vital relevancia como a loita contra o cambio climático ou a promoción da igualdade.

Este 2024 levaranse a cabo as primeiras accións dos dous novos proxectos da Eurocidade centrados no cambio climático e na igualdade, unhas iniciativas nas que se investirán aproximadamente 900.000 euros cofinanciados nun 75% por fondos FEDER a través do POCTEP, en cumprimento do proceso participativo da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030. Así, levarase a cabo o mapeado e elaboración dunha guía de recursos para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal ao abeiro dunha acción piloto para a promoción da igualdade enmarcada na Rede de Gobernanza do Río Miño Transfronteirizo do AECT Rio Minho.

Por outro lado, tamén se realizarán diversos estudos e se porá en marcha un proxecto piloto de monitorización da calidade ambiental para a valorización das liñas de auga, a prevención das inundacións e a adaptación do territorio aos cambios climáticos. Son os primeiros pasos dun proxecto de grande impacto social e financeiro no que se investirán 700.000 euros que busca a implementación dunha estratexia conxunta de resiliencia do territorio transfronteirizo fronte ao cambio climático.

Ao longo do 2024 tamén se levarán a cabo diferentes dinámicas para achegar á mocidade á Eurocidade Cerveira-Tomiño, que darán continuidade ás actividades do OPT Xuventude 2023, que acadou un grande éxito de participación entre a poboación nova de Cerveira e Tomiño, creando un ambiente de convivencia saudable a través da música e da práctica deportiva coas iniciativas Música Nova e Xogos sen Fronteiras. O plan de traballo inclúe ademais outras actividades conxuntas de ámbito cultural, deportivo e de promoción da economía local.

Conscientes de que a coordinación das políticas públicas debe beneficiar á veciñanza, Sandra González e Rui Teixeira reafirmaron a importancia da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030, que se constitúe como un apoio para a afirmación sostible e adaptada aos desafíos do século XXI e establece as bases para a toma de decisións nas diferentes áreas de actuación dos dous municipios con accións baseadas na coordinación e na cooperación. A Axenda Urbana incorpora 14 proxectos divididos en 4 eixos estratéxicos: economía circular e relacións urbano-rurais, desenvolvemento territorial e dinamización de recursos endóxenos, mobilidade e transición dixital e cidadanía e igualdade.

Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020.