O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Manuel A. Lourenzo Sobral, visitou Tomiño esta mañá, onde se entrevistou coa alcaldesa Sandra González, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez Souto, e cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde de Tomiño, para interesarse de primeira man polas eivas e deficiencias existentes no servizo de Atención Primaria do municipio, conformado por este centro e polo Consultorio Médico de Goián.
A visita está enmarcada dentro do conxunto de accións que o BNG local está a levar a cabo nos últimos meses para esixir ao Sergas a garantía dunha boa prestación de dito servizo neste concello, un servizo que ten recibido múltiples queixas por parte das persoas usuarias, especialmente a través das redes de información local.
Durante a visita tratouse a problemática derivada da non reposición das ausencias do persoal sanitario por parte da Consellería de Sanidade, o que leva que durante as mesmas as pacientes sexan desviadas ao resto de colegas do centro, coa conseguinte sobrecarga de traballo, que obriga ao persoal a facer horas extras que non lles son remuneradas. Tal e como recalcan os propios profesionais, isto ten acontecido durante todo o transcurso da pandemia ata agora. “Desde que chegou a pandemia non houbo ningún momento no que chegaran a estar cubertas ao mesmo tempo as 8 prazas que ten asignadas o centro médico”, declarou unha das médicas presentes na reunión. Do mesmo xeito, o Consultorio de Goián permanece fechado pola falta de cobertura do persoal, tendo que derivar aos usuarios e usuarias do mesmo ao Centro de Saúde do Seixo.
O BNG de Tomiño considera que, nesta crise sanitaria que se está a vivir, a Xunta de Galicia debe poñer todo o seu esforzo en que o servizo de atención médica sexa eficiente e inmediato. Por iso desde o BNG declaran que seguirán asumindo esta reivindicación da veciñanza de Tomiño e acometendo as accións que sexan precisas para garantir este obxectivo.