O deputado Socialista Julio Torrado desprazouse ata a Guarda para dar a coñecer, diante dos medios de comunicación e do Grupo Municipal Socialista, a proposición non de lei en defensa do servizo de saúde pública de Galicia e do Centro de Saúde da Guarda, presentada á mesa do Parlamento.
Representantes do Grupo Municipal Socialista informaron ao deputado e fixeron pública a problemática concreta que está a sufrir a sanidade pública na Guarda.
Respecto a situación do Centro de Saúde da Guarda dende Grupo Municipal Socialista manifestamos o noso total apoio aos traballadores e, por suposto a todos os veciños e veciñas que están padecendo unha mala xestión da cobertura de prazas vacantes motivadas por baixas, vacacións e permisos.
Esta situación de falta de persoal sanitario no Centro de Saúde que vimos arrastrando na Guarda dende fai anos ten como consecuencia unha deficiente atención pola sobrecarga das consultas. Ademais está provocando que as citas se estean dando con moito tempo de demora e incluso anulando moitas delas.
A situación sanitaria vese agravada porque no servizo de urxencias (PAC), que atende ademais as localidades de Oia é o Rosal, so hai un equipo médico a maioría do tempo.
A Guarda, na actualidade, é un lugar illado debido as malas comunicacións por estrada. Lévanos arredor dunha hora chegar ao noso hospital de referencia. Un anacronismo en pleno século XXI.
Ademais de todo o comentado queremos denunciar outras cuestións máis concretas que están sucedendo no Centro de Saúde Guardés: hai dous médicos que levan moito tempo de baixa e as súas prazas están sen cubrir. A atención ás consultas destes facultativos estase a facer de forma inadecuada, quedando moitos días sen atender e con cambios constantes de médico. O Centro de Saúde guardés conta con aproximadamente 10.000 tarxetas sanitarias, un número considerable de pacientes potenciais que, cando hai falta de cobertura das consultas, provoca unha distorsión moi importante no servizo. Durante as próximas datas de Nadal, se o SERGAS non lle pon remedio, so se poderá cubrir, de media, o 50 % do servizo. Situación que se agrava polo incremento de poboación debido ao período de vacacións nos colexios e ao retorno, pola significación das celebracións, de moitos traballadores e estudantes.
A todo o anterior hai que engadir que 23 xefes de servizo de Centros de Saúde, incluída a xefa do Centro de Saúde da Guarda, levan dimitidas dende fai máis dun ano. Isto provoca que a coordinación das axendas sexa moi deficiente, ao ser elaborada dende a xerencia comarcal, sen ter en conta as necesidades específicas da atención primaria na Guarda.
A situación que estamos a sufrir na Guarda e comarca levou a que cada xoves, moitos usuarios do Centro de Saúde, acudan ás concentración convocadas en defensa da sanidade pública.
Por outra banda, dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado e a súa deputada, Julio Torrado e Noela Blanco, presentouse a proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que se propón:
- Garantir a correcta e plena asistencia sanitaria en atención primaria para o concello da Guarda no seu centro de saúde e a dotación dun novo equipo de profesionais para o PAC da localidade, que da servizo a outros concellos lindantes.
- Atender á solicitude de xuntanza co conselleiro de Sanidade dos representantes municipais dos concellos afectados no Baixo Miño, para aclarar a situación e ofrecer a información sobre as medidas que a Consellería considere necesarias neste escenario.