Homenaje a Volta dos Nove
FOTO IEM (archivo)

As xornadas “A volta dos 9” coas que o Instituto de Estudos Miñoráns quixo reivindicar, durante todo o mes de outubro, a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, chegan ao seu fin.

O auditorio de Nigrán, que acolleu o emotivo encontro co guerrilleiro antifranquista Francisco Martínez, “Quico” e a escritora Eva Mejuto, despídese mañá mércores das xornadas coa visita da afamada escritora galega Inma López Silva, que falará do exilio a través da súa obra “Memoria das cidades sen luz” na que a través da ficción lembra a represión sufrida por Ánxel Casal, alcalde de Compostela asasinado en 1936, a súa muller María Miramontes e outras personalidades da cultura galega como a actriz María Casares.

Será a partir das oito da tarde. Tamén a esa hora, pero xa o venres, a aula Ponte de Rosas que o Instituto de Estudos Miñoráns xestiona en Gondomar, será o escenario da charla “A construción cultural do galeguismo, una oportunidade truncada”, na que se falará dos avances que a clase política descabezada polo golpe de Estado estaba a poñer en marcha no primeiro terzo do século pasado e de cómo toda a sociedade sufriu o parón e marcha atrás que supuxo unha ditadura de case catro décadas.

O poñente será Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, vicepresidente da fundación que leva o seu nome, e especialista na posta en valor da memoria democrática. Non só do conflito español. García Bóveda compatibilizou o seu traballo para a ONU e IFOR no conflito dos Balcáns coa recadación de testemuñas contra Crimes de Lesa Humanidade.

O terceiro dos concellos do Valmiñor, Baiona, despedirase destas xornadas co acto de homenaxe que terá lugar este sábado, 26 de outubro, ás doce do mediodía, no cemiterio municipal da localidade, coa colocación dunha placa cos nomes dos nove miñoráns asasinados na Bombardeira, no camiño a Baredo, o 16 de outubro de 1936. Con eles quérese render homenaxe a todas as familias que dun xeito ou outro padeceron a crueldade do franquismo.

A placa foi construída hai dez anos pero a negativa do anterior goberno popular impediu que fose colocada no cemiterio. Por iso, desde o IEM faise un chamamento á asistencia a este acto de memoria colectiva para lembrar ás vítimas e a súa contorna. Sobre todo, á descendencia que, pasada unha década, xa non fica para ser testemuña deste acto de xustiza e dignidade democrática.  No acto intervirán autoridades municipais e representantes das familias e do IEM. Ademais contará coa actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico, que interpretarán varios temas relacionados coa memoria histórica.