O PP de Nigrán vén de presentar un recurso especial ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia no que solicita a suspensión do proceso de licitación do contrato para o servizo municipal de recollida de lixo e limpeza viaria e de praias, que abriu este proceso o pasado 8 de marzo por un importe de 32.949.145 euros e un período de dez anos.

Os populares, encabezados pola súa voceira, María José Pino, revelaron que o prego de condicións e todo este concurso conta con senllos reparos da Intervención Municipal, que foron levantados polo alcalde co seu obxectivo de sacalo adiante, e con advertencias da Secretaría Municipal e da técnica de Administración. “Os servizos municipais coinciden en que hai irregularidades e poden xurdir graves quebrantos económicos na tesourería municipal, polo que non se entende o empeño do rexedor en seguir adiante cun contrato que pode hipotecar por moitos anos ao noso Concello”, sinalou a concelleira.

A edil do PP, que explicou que no seu recurso se adxuntan os informes de fiscalización do Interventor con reparos suspensivos dos pasados 13 de outubro e 22 de febreiro e os demais apuntamentos de Secretaría e Administración, lembrou que o pasado mes de decembro dito contrato xa foi obxecto dunha suspensión cautelar por este tribunal, “pero o alcalde segue e segue, tentando superar os clarísimos atrancos administrativos, cunha obcecación que vai ter consecuencias para as arcas municipais e os veciños”.

Entre as argumentacións técnicas e xurídicas do PP para presentar este recurso figura a existencia dun contrato único para a recollida de lixo e a limpeza de vías e praias “cando debería concorrer de xeito separado ao ser servizos distintos”, ou a falla de previsión das novas taxas da recollida de lixo que se deberán aprobar de xeito obrigatorio antes de abril de 2025 e que se centran en que este servizo non sexa deficitaria a través do denominado pago por xeración de residuos.

Así mesmo, os populares tamén sinalan que no prego non se inclúe a recollida de residuos téxtiles, aceites, voluminosos e perigosos malia que será obrigatorio a partires do vindeiro 31 de decembro; a excesiva discrecionalidade nos criterios de adxudicación; a falla de acreditación da subrogación de persoal e das súas retribucións, “o que pode acabar xerando un permanente conflito laboral no servizo”; e a inexistente consignación orzamentaria para un contrato de 33 millóns de euros cos conseguintes problemas de sostenibilidade financeira municipal, “xa que ademais o contrato podería chegar a incrementarse en ata un 20%”.

Cremos que esta licitación é unha fuxida para adiante sen explicación do alcalde, cun contrato estratosférico xa que se incrementa nun 150% con respecto ao de 2004 e sen garantías da eficiencia do servizo, das taxas, da atención cidadá e do cumprimento da normativa, tal e como advirten os técnicos municipais, polo que, polo interese xeral do Concello, cremos que temos que tentar paralo porque a hipoteca a asina Juan González pero vana pagar todos os veciños de Nigrán”, concluíu María José Pino