O 30 de outubro, no pleno do Porriño, aprobouse por unanimidade unha moción promovida polo BNG. Nela requiríase aumentar as prazas de transporte escolar para que tivesen acollida o estudantado dos institutos do municipio que vive nas parroquias. 

«O goberno de Alejandro Lorenzo comprometíase a instar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e á Dirección Xeral de Mobilidade a que, nun prazo curto de tempo, lle solicitase á empresa concesionaria o incremento das prazas nas liñas nas que non se cubrían as necesidades. Rematado o curso, non houbo incremento nos servizos de transporte escolar», aseguran dende o BNG.

A esta queixa hai que sumarlle «o número insuficiente de prazas noutras liñas de transporte e a carencia de liñas fundamentais para artellar O Porriño«. Persoas usuarias das liñas de autobuses con parada na Avenida de Galicia, na franxa horaria entre as 7:30 horas e as 8:30 horas da mañá, «non teñen garantida praza no transporte público que necesitan, nomeadamente, para ir aos seus postos de traballo. Tampouco existen liñas de transporte público desde O Porriño para as persoas que traballan nos polígonos industriais, tal e como acontece noutras zonas industriais de Galiza«, explican os nacionalistas.

“O transporte público é un garante de igualdade de oportunidades, especialmente, no caso do acceso á formación; e tamén de redución da contaminación e do consumo de enerxía. Esixir estas melloras debería ser unha prioridade para o noso alcalde, máis se atendemos a que o uso do tren é unha utopía no noso concello. O Porriño sobrepasou os 20.000 habitantes; é hora de que contemos cuns servizos axustados ás necesidades da poboación local”, afirma Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG local, na reclamación presentada no último pleno para darlles solución a estas eivas de mobilidade.