As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia entregaron este venres os Premios “Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2019”. O acto, que se celebrou no Salón García de Vilagarcía de Arousa, estivo presidido pola decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia; o deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación de Pontevedra, Gregorio Luís Agís; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e o presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Anselmo Villanueva.

Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes – arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores– que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Pontevedra, Vigo e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Este ano presentáronse 75 proxectos (40 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 24 na de Pontevedra e 11 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. Finalmente, seleccionou como gañadoras 14 obras, e mostrou a súa satisfacción ao corroborar o incremento de obras presentadas respecto doutros anos, e a constatación da gran calidade de todas elas, que premiadas ou non, son “testemuño do bo facer, do talento e do esforzo agochado tras cada traballo”.

Proxectos premiados:

Rehabilitación e ampliación de centro de actividades de montaña con aloxamentos

Lugar de Frinxo, Tui

Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez. Salgado e Liñares, SLP

Pola correcta integración no lugar de todo o conxunto edificado, tanto as novas construcións como os volumes rehabilitados, nun equilibrio perfecto entre volumetrías tradicionais e materialidade, o que permite a posta en valor do contorno.

Vivenda unifamiliar aillada

Irmáns Noia Xil, esquina rúa O Rosal s/n. A Guarda

Xavier Pousa Arbones

Pola habilidosa resolución do programa nunha parcela de complicada topografía e morfoloxía, así como polo agradecido uso dos materiais e solución de fachada.

Zenvisión

Tui, Pontevedra

Jorge Enríquez Méndez

Pola firme aposta no uso dun material único que permite a resolución de moitos dos elementos que requiría o programa, e por demostrar á perfección a importancia e peso da estratexia proxectual no éxito final dunha obra, máis alá dos condicionamentos orzamentarios.

Rehabilitación de edificio para vivenda unifamiliar

Rúa Ferrería 8, Vigo

Ramón Viéitez Rodríguez e Alberto Cebral Loureda

Pola habilidade na incorporación da luz cenital como elemento conformador da vivenda, coa dificultade engadida da mínima e singular morfoloxía da parcela nun contorno moi consolidado dun casco histórico.

Stand Navaliber

Navalia 2018

Pablo Menéndez Paz

Pola uso da cor como elemento identitario pero sen renunciar á elegancia que aporta unha malla estrutural que xoga co perfecto equilibrio entre contundencia e fraxilidade.

Reforma, acondicionamento e actividade para clínica oftalmolóxica. Clínica Javier Fernández Ulloa.

Rúa Colón, nº 3, Vigo

Pablo Menéndez Paz

Pola súa linguaxe perfectamente integrada na fachada do edificio preexistente, e pola elegancia e acerto no deseño de todos os elementos arquitectónicos e icónicos que conforman o proxecto.

Vivenda unifamiliar DVL

Urbanización Pazo de Ramirás, 39. Ourense

Manuel Jorreto Díaz

Pola súa correcta  implantación no lugar, dando unha elegante solución a  unha topografía de forte pendente, así como pola súa serena e contundente solución volumétrica, cunha materialidade adecuada ao seu contorno.

Restauración da Fonte da Torre. Programa de restauración do grupo de fontes históricas “Fontes do Camiño”

Caldas de Reis. Pontevedra

José Luis Gil Pita

Pola seu respectuoso tratamento dun elemento patrimonial e histórico e pola acertada incorporación e posta en valor dos oficios tradicionais na intervención.

Vivenda unifamiliar

Lugar Cortiñas de Abaixo, Corbillón. Cambados

Francisco Galiñanes Chaves

Por conquistar unha relación perfecta entre interior e exterior, cun uso moi acertado dos patios, dos materiais e da luz, perfectos protagonistas e artífices da serenidade e contundencia desta vivenda.

Edificio Faraday

Etea, Vigo

Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso. Abalo Alonso Arquitectos

Polo respectuoso trato da arquitectura preexistente, nun exercicio de intencionadas contencións, así como pola eficacia funcional do programa proposto.

Reforma interior de piso de grandes dimensións para dúas vivendas

Rúa Marqués de Valladares, Vigo

David Vázquez García

Pola acertada optimización do espazo cunha habilidosa organización das dúas vivendas, dotándoas dun programa máis contemporáneo do preexistente, así como pola actualización das envolventes que favorecen un maior confort e aforro enerxético.

Casa para un artista

Rúa Vista Alegre, Vigo

María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade. Castroferro Arquitectos

Pola súa proposta que, desposuída de complexos, recupera os vellos elementos construtivos e fai deles parte da nova coreografía, na que unha construción directa e sincera, fai que a casa adquira unha nova identidade chea de significado.

Parque arqueolóxico e centro de interpretación e documentación da arte rupestre

Campo Lameiro, Pontevedra

Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez. Redondo Valladares y Rodríguez SLP

Por tratarse dunha obra que ten demostrado a súa exquisita pervivencia no tempo, cun uso destacado da pedra como material da fachada, pero resolto cunha singular solución que lle outorga ao edificio unha tectónica afastada dos convencionalismos, pero á vez moi vencellada á tradición e contorno na que se encadra.

Rehabilitación de vivenda tradicional

Lugar de Pousada. Parroquia de Callobre, 3. A Estrada, Pontevedra

Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez. Redondo Valladares y Rodríguez SLP

Por ser exemplo da posta en valor da arquitectura tradicional desde a sensibilidade no uso dos materiais, a contención no emprego de novos elementos e o respectuoso uso das volumetrías preexistentes.