Os Socialistas de Oia veñen de presentar un escrito no Concello para a solicitude dun pleno extraordinario no que tratar a creación dunha comisión que estableza a demarcación, deslinde e amolloamento dos termos municipais de Baiona e Oia.

A celebración deste pleno terá lugar o vindeiro venres día 22 de decembro ás 9:30h a fin e resolver a seguinte orde do día:

  1. Incoar expediente de deslinde entre os termos municipais de Oia e Baiona.
  2. Nomear membros da comisión de deslinde aos concelleiros que designe cada un dos grupos municipais de Oia.
  3. Designar a dúas persoas de avanzada idade e acreditado xuízo que podan xustificar o lugar en que estiveron os sinais divisorios para que acudan ao acto de deslinde polo concello de Oia.
  4. Designar a un perito que asistirá ao concello nas labores de deslinde.
  5. Comunicar o presente acordo ao Concello de Baiona para o seu coñecemento e efectos.
  6. Unha vez consensuada con Baiona unha data para realizar as operacións de deslinde, deberán emprazarse sobre o terreo as persoas que van tomar parte no acto de deslinde, o perito designado a tal fin, as forzas de seguridade do estado e a Secretaria do concello.

Igualmente a data sinalada comunicarase aos propietarios dos terreos afectados polo deslinde que formarán parte do acto de deslinde.

Para os Socialistas de Oia esta solicitude ven motivada «pola necesidade de continuar coas tarefas iniciadas para delimitar o deslinde entre os municipios veciños, posto que a Alcaldesa Cristina Correa, como ven sendo habitual, esquece asuntos coma este, de especial interese para o municipio e para os seus veciños, e aos que se lle ten que dar continuidade para chegar a acordos e conclusións».