Persoal de Ambulancias do Atlántico e delegados/as sindicais do sector de ambulancias mobilizáronse este mediodía diante da delegación do Sergas en Vigo para reclamarlle á Xunta que inicie o proceso e dispoña os fondos necesarios para que unha nova empresa asuma o contrato de emerxencia e o servizo de transporte urxente de Vigo, Cangas e Moaña e o non urxente de toda a área sanitaria tras a renuncia da actual concesionaria.
As dúas xornadas de folga convocadas para hoxe e mañá non se fixeron finalmente efectivas unha vez que a Administración intermediou para garantir o cobro dos salarios pendentes, pero a protesta tivo lugar de igual xeito porque os incumprimentos laborais acumúlanse. En concreto, tal e como explican dende a representación da CIG en Ambulancias do Atlántico, tanto no que ten que ver co pago de pluses, horas extra e nocturnidades dende principios de ano (adebedando a empresa unha media de 150 euros por nómina a cada traballador/a) como na xestión “caótica” do servizo (problemas para repostar combustíbel, escaseza de material, etc).
O persoal afectado decidira en asemblea convocar as dúas xornadas de folga se antes do 1 de maio non percibían os seus soldos, “algo que se fixo in extremis o mediodía do 30 de abril coa fiscalización presencial da Consellaría de Sanidade do momento no que lle transferiron os cartos á empresa e esta levou a cabo o pago dos salarios”.
Está previsto que a parte social e empresarial manteñan unha xuntanza o vindeiro xoves en Vigo, para o representación sindical esixe que se nomee unha nova interlocución coa empresa e que na reunión participe tamén unha representación da Administración. “Xa nos adiantaron que seguramente sexa un cargo directivo da EOXI”.
Recentemente tanto responsábeis da Consellería como representantes da empresa indicáronlle á representación de CIG, CCOO e USO que o propietario de Ambulancias do Atlántico, Carlos Simón, volveu “marchar” e abandonou as súas responsabilidades na xerencia da compañía, deixando un poder especial para a Administración a unha traballadora e nomeando ao seu irmán, o tamén empresario Óscar Simón, como único interlocutor válido.
Óscar Simón comunicoulle á Consellería de Sanidade que conta co seu compromiso persoal para facilitar o proceso de transición no cambio de empresa licitadora e para garantir o abono no pago de salarios, pero matizou que en ningún caso se poderá contar co seu compromiso patrimonial para estes fins.
Esta nova fuxida e o cambio de interlocutor non lle dá ningún tipo de confianza nin de garantías á representación do persoal, xa que Óscar Simón está a ser investigado dende marzo de 2023 polos Mossos d’Esquadra e a Garda Civil e interrogado pola Audiencia Nacional no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalás por unha suposta alteración da licitación pública en Catalunya cando era socio do seu irmán na mesma empresa.
Fonte: CIG