A Guarda acollerá do 11 ao 14 de xullo de 2019 a décimo cuarta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, así o decidiu a pasada semana en asamblea Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Os colectivos que integran a federación decantáronse finalmente pola candidatura impulsada pola Asociación Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), porque é “unha proposta que pon en valor o binomio río-mar, e que destaca a importancia da tradición marítimo fluvial común coas poboacións do Alto Miño portugués”.
Nada máis coñecerse a nova, dende Piueiro agradecían ao pobo de A Guarda a súa colaboración desinteresada para ter acadado o encontro, unha celebración que atraerá ao municipio a milleiros de persoas, ao tempo que servirá de pulo para recuperar unha tradición a piques de desaparecer neste pobo eminentemente mariñeiro.
De feito, para Cultumar foi determinante na elección a posibilidade de “que o evento sirva de pulo para a consolidación dos labores de salvagarda do patrimonio nesta comarca; nunha vila de tradición mariñeira e de gran riqueza patrimonial que mestura as culturas do mar e do río”. Asimesmo, se valorou de xeito positivo a “confluencia das ribeiras marítimas do sur de Galicia e do norte de Portugal” no municipio guardés.
Únicamente catro son as gamelas que a día de hoxe quedan activas na Guarda. Revertir esa situación e traballar pola recuperación da mermada flota tradicional é, precisamente, o que se propón Piueiro. Unha asociación creada en 2017 que ten como obxectivo a conquerir antes da celebración da próxima gran festa bianual da cultura marítima e fluvial, a botadura do volanteiro. Unha embarcación en cuxa recuperación xa traballan dende finais do ano pasado os membros da asociación e veciños da Guarda que colaboran coa iniciativa.
Como é habitual, o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ofrecerá un amplo catálogo de actividades culturais e de lecer en mar e en terra. Exposicións, obradoiros, mostras de artesanía, recitais, concertos, proxeccións audiovisuais, charlas, roteiros e visitas guiadas polos lugares de interés patrimonial da zona. Todas estas accións, nas que se agarda a colaboración de todo o pobo, complementarán ás xornadas de navegación que a organización propón para a lámina de auga marítimo-fluvial guardesa.
A primera xunta directiva de “Piueiro” está constituida polas seguintes persoas:
Presidente:
- Joaquín Cadilla Castro
Vicepresidente:
- José Benito Rodríguez González
Secretario:
- Celso Rodríguez Fariñas
Tesoureiro:
- Antolín Verde Alonso
Vogais:
- Agustín Ferreira Lorenzo
- Prudencio T. Núñez González
- Antonio Martínez Vicente
- Silvia Mª Crespo Campos
- Bernardo Lomba Lomba
- Francisco Antonio González Durán.