ALFREDO

Nun comunicado de prensa, a Asociación de Afectados Polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns de Gondomar explican que dándolle cumprimento ao acordado na última asemblea xeral da asociación celebrada a finais de abril, «onte foille remitida á Fiscalía de Área de Vigo a denuncia para que proceda a investigar, se así o considera oportuno, os feitos que tiveron lugar no pasado Nadal, tanto en Noite Boa como en Fin de Ano, onde moitos veciños da vila de Gondomar e do barrio da Ponte en Mañufe sufrimos graves perdas e danos nas nosas casas, garaxes ou propiedades, sen que a día de hoxe ninguén nos explicara que pasou coas descargas de auga para aliviar o Encoro de Zamáns, e nós coidamos que foron en grande medida os responsables de que a desfeita fora tan brutal».

Aseguran que «nesa altura ninguén de nós, nin a poboación en xeral, foi advertida dos riscos a que estabamos expostos, obviamente a día de hoxe ignoramos se existe algún tipo de plan de emerxencia, etc. Obviamente ninguén foi avisado por ningún tipo de medio sobre esas descargas. A nosa experiencia de tantos anos de enchentes dinnos que as descargas incontroladas do encoro de Zamáns teñen repercusión directa na suba do nivel das enchentes, máxime cando coinciden coa marea alta. Nós non temos esa información, e que saibamos os concellos da Comarca tampouco. Parece coma se alguén estivera interesado en non dala».

Din que a situación deste Nadal foi especialmente dura e nin as persoas máis vellas lembran semellantes danos producidos polas enchentes. «A nós non nos vale que agora non indemnicen os seguros (o valor das cousas en moitos casos é irreparable), senón que esiximos que se nos explique que pasou e que se tomen medidas para que non volva ocorrer, comezando por avisar do perigo. Hoxe os sistemas de predición meteorolóxica permiten gañar algún tempo».

«Estes foron os motivos para nos dirixir á Fiscalía e pedirlle que investigue e procure a información que a nós se nos nega ou, que como mínimo debería ser pública. E obviamente que actúe se for caso contra os responsables de tanto dano e desasosego causado», finalizan.