No Templo Votivo do Mar, en Panxón, ben visible, nun dos monumentos máis emblemáticos de Nigrán, permanece, incomprensiblemente, unha placa de mármore, carente de calquera simboloxía relixiosa, destinada a lembrar a Jose Antonio Primo de Rivera e a relación de mortos do bando franquista na Guerra Civil, exclusivamente.
Esta é a razón pola que a organización xuvenil nacionalista na comarca de Vigo, Galiza Nova, e o BNG local, realizaron esta mañá un acto diante da citada placa solicitando a súa retirada. Acto seguido desprazáronse ata o monumento erixido en lembranza dos asasinados na Volta dos Nove, situado na entrada do pavillón de Panxón, para depositar un ramo de flores na súa memoria, constituíndo, ao mesmo tempo, un simbólico acto de desagravio.
«A permanencia do recoñecemento franquista supón unha ofensa e provoca un sufrimento innecesario a moitos familiares de persoas perseguidas e represaliadas durante a guerra e os anos seguintes, constituíndo un agravio gratuíto para aquelas persoas que non secundaron a ideoloxía da ditadura«, sinalan os nacionalistas.
Por iso xa no ano 2014 o BNG presentou unha moción que logo se transformou nunha Declaración Institucional do Concello de Nigrán que expresa literalmente “a Corporación Municipal de Nigrán considera oportuno solicitar á Diocese de Tui-Vigo o cumprimento no seu patrimonio en Nigrán da Lei de Memoria Histórica, con especial referencia ao Templo Votivo de Panxón, un dos monumentos máis importantes do noso concello».
«O BNG comprométese, se os nigraneses estiman oportuno darnos a forza necesaria para ser determinantes, esixir no vindeiro mandato o efectivo cumprimento da Lei de Memoria Histórica e a Declaración Institucional adoptada«, explican.