Con motivo do Día Mundial da Diabetes que se conmemora hoxe, profesionais do Chuvi xunto coa Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) organizaron mesas informativas nos hospitais para visibilizar esta enfermidade, sobre todo nos menores, e informar sobre os avances tecnolóxicos que axudan aos pacientes no control desta patoloxía e melloran a súa calidade de vida e a dos seus coidadores.

A Unidade de Diabete Infanto-Xuvenil do Hospital Alvaro Cunqueiro está composta por un Pediatra especialista en Endocrinoloxía infantil e un enfermeiro educador. No momento actual,  atenden a 150 nenos e nenas menores de 16 anos con diabetes tipo 1.  Anualmente diagnostícase entre 15 e 20 novos casos na Área Sanitaria de Vigo.

O  Álvaro Cunqueiro conta coa tecnoloxía máis avanzada para evitarlles aos nenos e nenas as múltiples picadas que tiñan que realizarse para medir a glicemia en sangue, mellorando asi a súa calidade de vida.

100% dos pacientes con motorización de glicemia

Así, a día de hoxe, todos os pequenos pacientes do CHUVI dispoñen de monitorización de glicemia; isto é, sensores implantados no pel que lles permiten realizar todas as medicións de glicosa que desexen sen necesidade de picarse.

Este dispositivo almacena esas medicións, coa data, hora, e resultado dese control; tamén conta cun sistema de alarmas de xeito que os pacientes, os seus coidadores e os profesionais sanitarios dispoñen de toda esa información en tempo real, permitíndolles tomar decisións en canto aos tratamentos.

68% con bombas de insulina

Ademais, dado que todos os menores con diabetes son pacientes crónicos, dependentes da insulina, que necesitan inxectarse esta hormona entre 4 e 6 veces ao día, tamén ofértaselles a utilización dos infusores subcutáneos continuos de insulina, as chamadas bombas de insulina. De feito, o 68% dos pacientes son usuarios de bomba de insulina.

Trátase dun sistema que regula e administra a cantidade da insulina de xeito automático tras a integración dos valores de glicemia obtidos polo sensor. Así, se o sistema prevé ou detecta que o paciente vai presentar unha hipoglucemia, suspende a infusión de insulina, mentres que se está en hiperglicemia pode incrementar a dose a administrar.