Hai moitas formas de ver o mar e todas elas teñen presenza na literatura galega aínda que con formas desiguais. Esta é unha das ideas que se abordaron no Parladoiro “Galicia navegante no imaxinario literario” que se desenvolveu esta tarde en Tui da man dos escritores Víctor Freixanes e Pemón Bouzas, con Ramón Nicolás como moderador. A cita era unha das actividades complementarias da exposición “Inventio mundi” que se pode ver nesta mesma localidade ata o 9 de xuño e que documenta unha parte descoñecida da historia da navegación galega.

No mar, no quimérico Mar dos Espellos, transcorre “O Triángulo inscrito na Circunferencia”, a primeira e premiada novela de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), que mestura o real e o irreal, o tanxible e o imaxinado e da que o autor parte para facer unha achega da relación entre literatura e o mundo mariño. “A miña interpretación é que o mar para Galicia non foi tanto unha aventura de descubertas do mundo, senón que teceu outras redes vencelladas máis a unha forma de sustento” apuntou o escritor que cre que a historia da literatura galega cristalizou tres visións complementarias do mar.

A primeira delas é a do mar na lírica e na poesía, que é a que inspirou aos trobadores galego portugueses nos seus cancioneiros. “É o mar ao que lle canta Mendinho, Martín Códax, Xoán de Canga nas súas cantigas que inspira saudade” apuntou. A segunda lectura é a do mar das grandes descubertas. Afirma Freixanes que “nesta literatura Galicia xa non está presente e os nosos navegantes circularon baixo outras bandeiras, nomeadamente a de Portugal, que coincide coa crise da Galicia que perde poder”. Esta segunda liña, é a que se nutre de personaxes históricos como Xoán de Novoa, natural de Maceda, ou de Pedro Sarmiento de Gamboa ou Álvaro de Mendaña, tamén de procedencia galega. Nesta liña encaixa tamén a literatura de Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957), un escritor cunha ampla bibliografía con títulos relacionado co mundo do mar e os seus navegantes. Na súa intervención  destacou que “fago ficción pero quero apoiarme en fitos históricos  sobre a presenza dos galegos nas grandes exploracións do océano pacífico”. Concretamente realizou un repaso sobre a investigación histórica que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa e Francisco Caamaño. Son navegantes posteriores á época que se conta en “Inventio mundi” pero forma parte desa historia de aventuras, de navegación do mar”.

A literatura galega vai tamén ao fío da investigación historiográfica xa que cantos máis datos reais se teñen, hai máis coñecemento e máis material para a creación. Nese sentido, Freixanes apuntou que posiblemente, agora que está a piques de resolverse o enigma de se Cristóbal Colón era galego, seguramente dará pé a fabular e a imaxinar outras historias. “Todos eses navegantes, apuntaba Freixanes, da vella tradición, que navegaron ao servizo doutros reinos, doutras monarquías porque Galicia nese momento perde o poder e o mar convértese no mar do traballo”. Entra así a terceira dimensión do mar, como fonte de sustento, como lugar de traballo. É tamén o mar que arrinca coas factorías de salga, de José Coornide de Saavedra, das conserveiras e das revoltas contra os cataláns.

O Parladoiro serviu tamén para facer un repaso da literatura arredor do mar de autores como María Solar e a expedición Balmis, que contou en “Os nenos da varíola”, ou de Rivadulla Corcon, Xurxo Souto, Paco Souto, Manuel Antonio ou Hixinio Puentes. Tamén se falou de José María Castroviejo que, aínda que en castelán, mesturou fábula, maxia, terra, gastronomía e mar.

Complemento da exposición

Este parladoiro xorde como complemento da exposición “Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV – XVII”. A mostra comisariada por Ofelia Rey Castelao, inaugurouse en 2019, para conmemorar o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta e para amosar as consecuencias que aquela formidable viaxe tivo para Galicia. En trinta paneis cóntase a historia dun fracaso, que deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio no que a Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo. A exposición, que se pode ver en Tui ata o 9 de xuño, inaugurouse en Pontevedra desde onde iniciou a súa itinerancia por Vigo e A Coruña.