O BNG do Porriño quere desmentir a nova difundida polo Alcalde na que afirma que a humanización de Manuel Rodríguez, «actualmente en execución e proxectada polo Bloque» cando formaba parte do goberno, só renova as redes de saneamento e abastecemento dun dos lados da rúa. «É falso, a totalidade das vivendas da rúa, a ambos lados, contarán con novos servizos de saneamento, con separación de fecais e pluviais, de abastecemento, de rede eléctrica e de telecomunicacións. Son novas tanto as redes xerais como as acometidas particulares. O proxecto inclúe tamén, ademais do novo pavimento, a renovación de mobiliario urbano e luminarias, así como a impermeabilización da fonte ou a colocación de árbores e xardineiras», sinalan os nacionalistas.
«O PP falta á verdade nun intento de descualificar a xestión realizada polo Bloque, pero a veciñanza do barrio foi sempre coñecedora da mesma e sabe que o que di o alcalde, non é certo. É ridícula a afirmación que fai Alejandro Lorenzo de que só se renovaban servizos nunha beira da rúa cando o orzamento da obra achegábase aos 500.000€ e o custe da ampliación que agora anuncia non alcanza os 40.000€; en realidade, refírese á renovación de seis acometidas particulares situadas no Paseo Enrique R.Rodríguez, onde xa existía servizo e inicialmente non estaba previsto cambiar a lousa porque o pavimento estaba en bó estado.A cidadanía do Porriño ten memoria e coñece perfectamente que as humanizacións as rúas peonís no casco urbano só avanzan da man do BNG», apuntan.
