O BNG de Baiona ven de presentar a través de Néstor Rego, deputado no Congreso, emendas aos orzamentos xerais do Estado por un valor aproximado de 3 millóns de euros.
Solicitan o acondicionamento e accesibilidade do paseo da Foz, «que quedou insuficientemente reparado coas obras realizadas no muro de contención». Tamen propoñen a realización dun estudo para facer accesíbel o edificio de Capitanía Marítima.
Unha vez máis emendan a adquisición dos terreos da Foz do Miñor nos que se sitúa o Cámping pola necesidade de recuperación do litoral «nunha zona de Rede Natura 2000 e para cumprir coa Lei de Costas».
«Dado que a día de hoxe os terreos da batería militar de Silleiro aínda non pertencen ao Concello de Baiona, solicitamos o acondicionamento de espazo e a cesión gratuíta, tras indemnización as propietarias e propietarios aos que lle foran roubados polo réxime franquista», sinalan.
Renuncia ao aumento do gasto militar
“O BNG critica o incremento do gasto militar desorbitado que se produce a partir destes orzamentos de 2023. É inxustificábel que a prioridade do Goberno de PSOE/UP sexa aumentar 3 mil millóns de euros o gasto militar nun contexto de crise social e económica” asevera Rego.
“O BNG emenda o capítulo de gasto militar precisamente porque entendemos que a prioridade neste momento debe ser outra, as políticas sociais e de reactivación da actividade económica e de creación de emprego”, afirma o deputado.
