IES Auga da Laxe

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas deputadas, Leticia Gallego Sanromán, Noelia Otero Lago e Noa Díaz Varela, a través do seu portavoz presentan ante a Mesa parlamentaria unha proposición non de lei en Comisión 4.ª, Educación e Cultura para recuperar as prazas de profesores suprimidas no IES Auga da Laxe de Gondomar.

«A Consellería de Educación recortou catro docentes no IES Auga da Laxe de Gondomar, tres o curso pasado e este o curso 2022-2023 reduce outro docente máis. Trátase dunha medida que repercutirá negativamente na calidade do ensino e na desatención do alumnado con necesidades específica. O sistema de educación pública é o garante da igualdade e motor da mobilidade social, e que está sendo desmantelado polo Goberno de Rueda», sinalan os socialistas.

O Grupo Parlamentario Socialista reclama que se aumente o número de profesores e profesoras, «porque con estas ratios que quere implantar a Xunta de Galicia, aínda que sexan legais, a atención individualizada ó alumnado vese moi afectada, por non dicir que é practicamente imposible de realizar. A Consellería de Educación está a establecer ratios e condicións de traballo dos tempos anteriores á pandemia da COVID, negando os efectos desta pandemia sobre a poboación en xeral e sobre o alumnado en particular«.

Por iso, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia solicita:

  • Restituír eses catro docentes para o curso 2022-2023 no IES Auga da Laxe de Gondomar para ter unha educación de calidade e para que os alumnos  con necesidades especiais que precisan unha atención máis personalizada a podan ter.
  • Conceder o novo Bacharelato xeral e o Bacharelato de Artes para curso próximo no IES Auga da Laxe de Gondomar debido as características xeográficas do Val Miñor e polo seu volume de poboación.