A Presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, Merchi Martínez, foi elixida por unanimidade na asemblea local do BNG candidata a presidenta da Entidade.
Merchi Martínez declarou “queremos continuar o proxecto de transformación iniciado fai catro anos e seguir abrindo as portas da Entidade a toda a veciñanza. Continuar creando espazos de encontro, colaboración e participación para que Camposancos sexa ese lugar agradábel e cheo de dinamismo no que sentimos orgullo de vivir”.
Entre as medidas que quere poñer en marcha no novo mandato destacou “A auga é un ben esencial. Poñeremos en marcha un novo regulamento de augas e buscaremos outras captacións ademais de continuar co proceso de mellora e modernización da rede e con actuacións que contribuian ao aforro enerxético”.
Tamén avanzou que “a limpeza de rúas, camiños, regos, fontes e lavadoiros seguirá sendo un traballo prioritario para o noso equipo así como a mellora dos espazos naturais coa plantación de árbores autóctonas”.
Anunciou tamén a posta ao día dos alugueiros obsoletos ou de novas licitacións da propiedade da Entidade Local Menor.
Acompáñaa na candidatura o actual vocal da Entidade polo BNG Ricardo Portela, para quen tivo palabras de agradecemento pola súa implicación e dedicación.
