O candidato á alcaldía da Guarda polo BNG, no primeiro acto de campaña en Camposancos brindou todo o seu apoio a veciñanza “para petar con decisión nas portas da Xunta de Galiza e conseguir que a senda peonil Camposancos-A Guarda sexa unha realidade no menor tempo posíbel”.
Noutro momento da súa intervención e despois de abordar distintas propostas do programa do BNG dirixiuse a veciñanza coas seguintes palabras “pídovos unha oportunidade para desenvolver o Monte Trega, para convertelo dunha vez por todas na pedra angular da nosa identidade e reforzar o seu papel como elemento dinamizador da nosa economía».
Rematou a súa intervención manifestando que “A Guarda merece un Goberno que escoite e que traballe da man da veciñanza como fai Merchi en Camposancos”.
Pola súa parte, Merchi Martínez, Presidenta da ELM de Camposancos e candidata a reelección polo BNG, despois de repasar o traballo feito neste mandato marcou como obxectivo fundamental continuar co proceso de mellora e modernización da traída de augas e con actuacións que contribuían ao aforro enerxético.
Tamén sinalou a limpeza de rúas, camiños, regos, fontes e lavadoiros como unha liña de traballo que hai que continuar así como a programación cultural iniciada no anterior mandato.
