O Bloque Nacionalista Galego en Baiona celebrou o mitin de campaña coa presenza da deputada Alexandra Fernández.

O candidato á alcaldía de Baiona polo Bloque Nacionalista Galego, Iago Pereira, destacou que “O BNG é quen transformará de xeito real Baiona porque imos a seguir sumando apoios para ter unha maior forza que nos permita construir unha Baiona que merece máis!”

O BNG, entre outras, ten as seguintes propostas:

Merecemos máis vivenda de promoción pública

  • O noso concello precisa dispor un parque de vivendas públicas que sexan accesíbeis especialmente para a nosa mocidade. A tal efecto, destinaranse parcelas municipais para construción de vivendas públicas.

Merecemos apostar polas comunidades enerxéticas locais

  • Ademais de seguir traballando por trocar o modelo enerxético actual e pola eliminación dos proxectos eólicos mariños e terrestres que nos ameazan, apostamos polas comunidades enerxéticas locais como xeito de autoxestión enerxética da veciñanza.

Merecemos poñer en valor o noso patrimonio natural

A creación dun Centro de Interpretación da Natureza situado en Sabarís, no actual Centro Antena A Foz do Miñor, será o centro neural do desenvolvemento e posta en valor do turismo rural, medioambiental e patrimonial poñendo en valor os valores ambientais e a riqueza naturais do Val Miñor.

Merecemos crear un espazo temático de lecer e cultura

A adquisición por parte do Concello da antiga Batería de Silleiro permitirá a creación dun espazo temático de lecer que de acceso aos túneles e canóns, un observatorio mariño aproveitando o seu enclave e a construción dun museo no que se recompilen estudos sobre a represión da ditadura franquista.

Merecemos seguir apostando polos servizos municipalizados

  • O Bloque Nacionalista Galego en Baiona considera a xestión pública directa da administración e dos servizos públicos como a fórmula que mellor garante o funcionamento de calidade, interese público da veciñanza e de traballadoras e traballadores.