Antonio Lomba asegura que “no próximo mandato afrontaremos, coa colaboración doutras Administracións, a execución do Acceso Sur ao porto da Guarda”.
Para Antonio Lomba e a súa candidatura, é unha obra prioritaria. «A súa aprobación por parte da Xunta e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural leva tempo na nosa axenda, que da man da Deputación de Pontevedra traballamos para adecuar o proxecto ás esixencias técnicas e os diferentes requirimentos», di o candidato socialista.
“Necesitamos esta obra para rematar coa humanización do centro da Guarda e ter unha comunicación eficaz co porto; xa temos a aprobación por parte de Patrimonio ao trazado escollido polo noso equipo de goberno”, subliña Antonio Lomba.
O actual alcalde insiste en que se trata “dun itinerario que vai por enriba do Muiño de vento para protexer o paseo litoral e deixalo para gozo das persoas e libre de coches”.
Antonio Lomba critica a actitude por parte do BNG en todo este proceso, no que se dedicou “a embarrar o campo dicindo que tiñamos que redactar un novo proxecto pola beira do mar”. “Logo falan de humanizar e ganar espazo para as persoas”, afirma.
Afrontar, coa colaboración doutras administracións, a execución do Acceso Sur ao porto «é clave no proceso de facer da Guarda unha vila amable para as persoas como recollemos no noso programa, que tamén inclúe, entre outras medidas, a xestión da senda arredor do Trega, urbanizar a rúa Malteses e continuar coa remodelación da rúa Coruña nunha segunda fase ata chegar ao Centro Cultural».
“Tamén impulsaremos a mellora da seguridade na zona escolar da Sangriña e na de Solanas, así como a remodelación da rúa Manuel Álvarez”, engade Antonio Lomba.
A humanización da Guarda que propón a candidatura socialista insiste, «así mesmo, na ampliación dos aparcadoiros disuasorios en distintos puntos do casco urbano».
