O alumnado e profesorado do IES Primeiro de Marzo de Baiona convocan a todas as persoas que o desexen a concentrarse diante do IES ás 11.30 horas de mañá venres 16 de xuño «contra a privatización e desmantelamento da FP Galega».
O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza – STEG – quere denunciar «o salvaxe recorte que o Goberno do Partido Popular está levando a cabo na Formación Profesional e que afecta tanto a calidade educativa como a estabilidade laboral de profesores e profesoras», din.
Aseguran que «o peche de 6 aulas no CIFP A Xunqueira é soamente unha mostra da política privatizadora e de recortes que está a levar a cabo un goberno que, lonxe de falar coa comunidade educativa, péchase en sí mesmo como se dun búnker se tratase».
«O IES de Chapela, o CIFP da Xunqueira, o IES das Fontiñas, son -din- soamente algúns dos centros afectados e que se verán afectados pola nova situación. A redución da oferta formativa presencial e a súa transformación en a distancia, resta sen lugar a dúbidas, calidade ao proceso educativo e deixa sen posibilidade de matrícula a lo menos 100 alumnos. Ademais, non podemos esquecer que o modelo de ensino a distancia sube as ratios de alumno por profesor, polo que as contratación de docentes descenderá».
O STEG fai un chamamento á altura de miras de tódalas organizacións sindicais, docentes e de alumnado, «para artellar unha resposta que leve á caída da actual directora xeral de FP».
O STEG anima ao profesorado a mobilizarse contra uns recortes que se anuncian a poucos días de que rematen as clases e polo tanto tentando aproveitar a desmobilización dos afectados. O STEG garántelle a Xunta que «a non paralización do actual proceso de recortes, que a non asunción da recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas, que o non recoñecemento do soldo de xullo e agosto ao persoal interino, é un caldo de cultivo perfecto para a apertura dun importante ciclo de mobilizacións do corpo docente» rematan.
