Segundo Antonio Lomba, o concello da Guarda continúa recibindo subvencións dos fondos europeos NextGenerationEU xestionadas na etapa do goberno socialista cando el era alcalde da vila.

Tendo en conta que o anterior goberno consideraba a piscina municipal unha dotación estratéxica de utilidade pública pola súa función terapéutica e de promoción da vida saudable e considerando que as súas instalacións e o propio edificio teñen equipamentos obsoletos e espazos desaproveitados, «o goberno socialista promoveu un estudo enerxético, arquitectónico e funcional, coa participación da cidadanía, co fin de concretar as necesidades de mellora da piscina municipal dende o punto de vista da eficiencia enerxética, de optimización de espazos e de modernización das instalacións«, sinala o anterior rexidor.

«As actuacións máis importantes que se propoñen -di- responden a un enfoque integral que combina a adaptación funcional, estética, económica e social do edificio; dotándollo dunha imaxe exterior máis limpa, moderna e adecuada ao seu entorno. Conseguindo un aforro enerxético próximo ao 80 %. Amplíase o ximnasio. Ábrese un novo vaso para aprendizaxe de 1m de profundidade e créase unha nova sala de usos múltiples reordenando os espazos e reducindo a zona de recepción».

Lomba indica que unha vez elaborada a documentación coa proposta de mellora tocaba buscar financiamento, e así, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, «o noso goberno solicitou, fai uns meses, fondos para a rehabilitación da piscina municipal climatizada do concello da Guarda. A solicitude de subvención canalizouse a través da convocatoria da Liña 2 do programa de rehabilitación integral de edificios públicos de titularidade local (Pirep Local)».

O Ministerio de Transportes Movilildad y Agenda Urbana, xestor dos fondos Pirep, comunicou ao concello que o importe concedido para a Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal da Guarda «é o solicitado e ascende a 1.573.655,26 € tendo que estar rematada e recepcionada antes do 31 de marzo do 2026″, apunta.

O Grupo Municipal Socialista quere manifestar a súa satisfacción polo éxito das xestións que permitiron a obtención desta subvención tan importante para A Guarda, tanto pola contía como polo seu destino. “Estes son resultados do traballo feito no noso mandato. Estamos moi satisfeitos por conseguir esta subvención e esperamos que non sexa a última xa que aínda hai solicitudes de financiamento sen resolver para proxectos importantes para a nosa localidade”, remata Antonio Lomba.