O grupo municipal do PSdeG-PSOE quere comunicar a toda a cidadanía tudense que chegou a un acordo co BNG para poder resolver a situación «anómala e inaudita na que se encontraba o goberno municipal».

Os socialistas afirman que tras o pleno de organización celebrado o 11 de xullo no que viviron unha situación «vergoñenta protagonizada pola dereita e o seu continuo boicot á palabra dada», foron rexeitadas as condicións de traballo do equipo de goberno. Despois desta «embarazosa situación, o PSdeG-PSOE, lonxe de mostrar unha actitude de tanta baixeza política, decidiu continuar coa responsabilidade que xa o caracterizou nas anteriores negociacións para o pleno, a través do diálogo e a actitude construtiva. Todo isto, sen paralizar o traballo pola nosa cidade a pesar das condicións precarias nas que se deixou todo este tempo ao goberno (dados de baixa da seguridade social sen ningún ingreso)», aseguran.

O grupo municipal socialista mantivo conversas e negociacións, en varias ocasións, con todas as organizacións políticas da corporación sen excepcións, encontrándose dúas actitudes totalmente diferentes: «a da dereita tudense en forma de ultimatos moi semellantes entre C21 e PP que evidencia unha vez máis a súa unión no bloqueo institucional; e a do BNG que aínda discrepando nun contexto programático mostrou unha intención construtiva en aras de resolver a situación anómala que se producira«, apuntan dende o grupo municipal socilista.

Resultado destas conversas, o PSdeG-PSOE chegou a un acordo co BNG que non só garante unhas condicións de traballo dignas para que o goberno poida realizar o cometido para o que foi elixido, senón que ademais, «asegura o desenvolvemento de proxectos moi importantes para a cidadanía tudense, demostrando que o bo camiño é o das actitudes construtivas. Por outra parte, instamos a que a dereita depoña esta actitude de bloqueo e ultimatos contraria aos intereses xerais da nosa gran cidade«, rematan.