Tras dúas xornadas de encontros, faladoiros e showcases, o Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal chega mañá ao seu fin cun programa de música polas rúas da Fortaleça de Valença, onde os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze House Marching Band teñen a misión de contaxiar ao público cos ritmos das súas propostas musicais, ambas construídas a partir do estudo e a experimentación a partir da tradición.
O Encontro de Músicas Profesionais Galiza-Portugal MUMI é o único mercado de músicas que existe na Galiza neste momento e naceu hai catro anos co obxectivo de reunir as mellores propostas musicais de ambos territorios para mostralas ante as principais entidades e empresas programadoras, pero tamén co propósito dalas a coñecer aos públicos galego e portugués que inexplicablemente viven de costas ás músicas que se fan no país veciño.
