O pasado venres 3 de novembro, a Concellaría de Igualdade do actual goberno do Partido Popular, presentou en Sabarís “Baiona Lila”.

Dende o BNG sinalan que «chama poderosamente a atención o cambio de nomenclatura desta importantísima actividade que se ven realizando en Baiona dende que o Bloque Nacionalista Galego tivo responsabilidade de goberno».

Os novembros lila son fundamentais -din- «como ferramenta de apoio a concienciación social sobre a violencia machista. Actividade que precisa dun orzamento que permita seguir traballando para facer partícipes a toda a sociedade en xeral e a comunidade educativa en particular. Agardemos que nos vindeiros orzamentos o PP aposte pola igualdade e que o “Baiona Lila” non sexa o primeiro paso para a desaparición do Novembro Lila».

«Foi moi curioso que en ningún momento de toda a presentación se falase da Baiona lila e até no discurso do propio Alcalde si se falase da actividade como Novembro lila. Un absurdo troco de nome como vaga estratexia para ocultar o grande traballo feito pola concellaría do Bloque Nacionalista Galego. Aínda así, incluso para o Vázquez Almuiña, o Novembro Lila sempre será do B.N.G., da exconcelleira Yasmina Moreira e de Baiona», finalizan os nacionalistas.