O GALP da Ría de Vigo – A Guarda, organismo colaborador da Consellería do Mar e encargado da xestión do programa FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura) 2021-2027 no seu territorio (Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas) presentará o vindeiro xoves 18 de xaneiro ás 19:00 horas no edificio Virxe do Carme (no porto pesqueiro de Vigo) os 11 proxectos de carácter dinamizador aprobados na recente convocatoria de 2023.
A maioría das propostas se corresponden co sector pesqueiro, sendo os promotores dende Concellos ata Confrarías de Pescadores, pasando por outras entidades de interese común e empresas privadas.
Proxectos aprobados
A relación de proxectos seleccionados é moi variada. Destacan, por exemplo, a rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara (Concello de Moaña) para uso museístico e cultural, un proxecto terapéutico para persoas con Alzhéimer pertencentes ao sector pesqueiro do Morrazo, empregando a música e os traballos colaborativos como fórmulas para loitar contra esta enfermidade, ou a creación dun espazo de formación, cooperación e divulgación sobre a economía azul chamado Blue Atlantic Foro (BAF).
Tamén contaron co financiamento dous iniciativas baseadas na construción de portais web: unha delas é da asociación de Produtores de Mexillóns de San Adrián de Cobres para deseñar unha páxina co obxectivo de dar a coñecer o traballo desta asociación, así coma a construción dunha báscula de pexase para camións no pantalán do Porto de Domaio, e outro proxecto para reestruturar e modernizar o portal web Os Mares da Baixura promovido pola Asociación Mar Seguro de Galicia.
As novas tecnoloxías tamén sustentan a base doutro proxecto para incrementar o valor engadido dos produtos da pesca e marisqueo, a través da modernización dos procesos de comercialización e os canais de distribución dixitais, impulsado por Sinescama. A Confraría de pescadores ‘Santa Tegra’ de A Guarda implementará un plan de aforro e eficiencia na Lonxa a través da identificación e difusión de boas prácticas e a posta en marcha dunha instalación de enerxía fotovoltaica.
Con cargo á convocatoria do 2023, o GALP tamén financiará a construción de tres apartamentos turísticos sostibles involucrados con todo o tecido pesqueiro de O Morrazo, a adquisición dun vehículo isotérmico para a cooperativa galega Cíes Artesanais, a implementación de novas tecnoloxías, melloras ambientais e das condicións de traballo dos empregados dunha empresa frigorífica de Vigo, e a mellora da imaxe e dos canles de comercialización de produtos e do sector do mar da Confraría de pescadores ‘San Francisco’ de Vigo.
Sobre estes e outros proxectos se falará o vindeiro xoves, nunha xuntanza na que se realizará unha valoración desta última convocatoria de axudas GALP, cuxo orzamento foi de preto ao millón e medio de euros, o que pon en valor a importancia desde organismo na economía galega.
En breve se abrirá un novo período de presentación de proxectos, e namentres os interesados xa poden recibir asesoramento para que as súas ideas se adecúen o máximo posible á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) que rexe os criterios de concesión de axudas.
Para máis información, pódese contactar co GALP na Avenida de Beiramar, 49, Vigo (Pontevedra), no correo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou telefonicamente nos números: 986 358 109/646 873 106.
