O sábado 27 de xaneiro ás 12:30h terá lugar o acto oficial de inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura (A Nogueira, 8 – Donas), logo de que se realizasen obras de mellora nos dous edificios existentes, grazas á colaboración entre o Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra.
No acto intervirán Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Concha Costas, expresidenta de Espazo Lectura, e Paula Carballeira, escritora e socia-protectora de Espazo Lectura. Actuará como mantedora Yaiza Peixoto, secretaria da asociación.
A Casa da Lectura, inicialmente inaugurada en maio de 2009, acolleu durante doce anos numerosas actividades de fomento da lectura, así como unha actualizada biblioteca que se foi conformando grazas ás achegas das dezasete editoriais que son socias-protectoras de Espazo Lectura, converténdose así nun centro singular de dinamización lectora. En marzo de 2020 tivo que pechar como consecuencia das restricións derivadas da pandemia por COVID-19 e posteriormente o Concello de Gondomar acometeu obras de remodelación, dirixidas polo arquitecto Vicente Pintos.
Rematadas esas obras, que afectaron aos dous edificios que se atopan no recinto, a Casa da Lectura volve a abrir as súas portas para retomar as actividades de fomento da lectura e ofrecer o servizo de préstamo da súa biblioteca, que se trasladou desde xaneiro de 2022 ata xuño de 2023 aos baixos do antigo centro de saúde de Gondomar e agora regresa ás instalacións orixinais.
A inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura coincide coa celebración do XVI aniversario da fundación de Espazo Lectura, polo que se van organizar tamén outras actividades especiais. A primeira cita, aberta a todo o público que queira achegarse, será o venres 26 de xaneiro ás 20:00h na Casa da Lectura, onde se celebrará un club de lectura arredor do libro As alumnas, da escritora Paula Carballeira, que estará presente na sesión. As alumnas é unha obra teatral que se achega á figura de María Barbeito, mestra e pedagoga galega que desenvolveu un intenso labor de renovación pedagóxica nas primeiras décadas do séc. XX e que foi posteriormente destituída dos seus cargos académicos como consecuencia do golpe de estado de 1936 e da ditadura. Ese achegamento á súa figura faise na obra a través da memoria de dúas antigas alumnas que se volven atopar con motivo da morte da mestra en 1970.
Ese mesmo venres 26 ás 22:00h terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe unha cea coa que se quere favorecer un encontro festivo entre as persoas socias ou amigas de Espazo Lectura para celebrar estes dezaseis anos de vida da asociación. Espazo Lectura fundouse o 26 de xaneiro de 2008, aínda que a actividade fundacional que supuxo a semente do nacemento da asociación, o Contomar, comezara a celebrarse na Biblioteca Municipal de Gondomar dous anos antes, en febreiro de 2006. Ao longo de todos este anos, ademais das sesións semanais de contacontos do Contomar, foron creándose outras actividades como clubs de lectura (Lendo contigo, Sete vidas, Lecturas debuxadas, formación lectora ou Daquelas que len), actividades semanais de dinamización lectora da Casa da Lectura e outras propostas como o Comando Le ou Contos en cueiros, ademais doutras iniciativas como a Banda dos cueiros, a Noite na Biblioteca, as noites golfas, a Semana do Libro e a Lectura, o Dar de ler coma quen dá de beber, a Sentada Lectora, o asalto poético ou a Fogueira dos versos.
O programa de actividades completarase o propio sábado 27 de xaneiro ás 20:00h no auditorio Lois Tobío de Gondomar coa representación da obra As alumnas a cargo da compañía Culturactiva Producións, con entrada de balde ata completar aforo. O espectáculo teatral, baseado na obra de Paula Carballeira, está dirixido por Fina Calleja e conta no elenco coas actrices Anabell Gago e Mónica Camaño.

