Este sábado, 25 de maio, o Paseo da Corredoira acolle unha nova edición da “Feira do Libro Galego” que dende hai 25 edicións achega a produción editorial galega á veciñanza e lectores. Este ano as librarías locais, Librería Iris e Librería Nobel, ocuparan 15 stands onde mostrarán as novidades tanto literarias como de non ficción para nenos, mozos e adultos, cun desconto do 10%. Ademais ao longo da xornada contarase con diversas actividades de animación.

Ás 12:00 horas terá lugar a inauguración desta Feira do Libro Galego a cargo de Alfonso Ferreira, autor de diversos libros sobre peregrinación e outros de carácter infantil.

Ás 12:30 h haberá un espectáculo para familias “Caderno de cores e cancións” con Magín Blanco. É a súa máis recente  proposta, un concerto participativo no que Magín Blanco, na compañía do músico Pablo Vidal, convida ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións. As melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas sucédense ao longo do espectáculo.

Ás 19:00 horas continuarán as actividades de animación co espectáculo “Picadiscos” con MariFaltri, un dos nomes de referencia dentro da música infantil galega, que achega unha proposta orixinal e sorprendente: un picadiscos de música infantil no que María brinda aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar, xogar e divertirse aprendendo as cancións da man dos libros da súa pequena biblioteca ambulante.

Ao longo da toda a xornada na Oficina de Turismo poderase visitar unha mostra de bibliografía tudense, cunha escolma de libros sobre a nosa cidade, que está a dispor dos interesados na Biblioteca Municipal. E completa esta oferta a exposición de ata dez pósters dedicados a Luisa Villalta, a quen lembramos este ano no Día das Letras, realizados polo alumnado doutros tantos centros educativos tudenses.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta nova edición, a vixésimo quinta, da Feira do Libro Galego de Tui, que tivo de ser trasladada de data polas condicións meteorolóxicas do pasado venres 17 de maio, é unha excelente oportunidade para achegarse ao libro e a lectura. Sonsoles Vicente agradece o protagonismo das dúas librarías tudenses, Iris e Nobel, pois sen elas e o seu empeño esta Feira do Libro Galego non sería posible.

Esta actividade conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.