A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de preto de 160.000 euros para que o Concello de Tui reforme a contorna da praza de abastos. Trátase de recursos que proveñen da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia. Con eles o goberno local poderá completar o financiamento da actuación, que ascende a 760.000 €.

En concreto, as actuacións desenvolveranse na intersección das rúas O Pilar e Hermanos Maristas, así como o espazo urbano existente na parcela da praza de abasto. O proxecto busca a mellora desta contorna mediante a renovación de acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación. Ademais, instalaranse novos servizos como un espazo de gradaría na contorna da praza cuberta, unha zona de recarga de vehículos eléctricos, un área axardinada, unha instalación de aparcamento de bicicletas ou o acondicionamento do espazo dedicado á centralización e clasificación de residuos, entre outros.