O BNG rexeita a instalación do parque eólico mariño Roleira que se pretende colocar na costa sur da provincia de Pontevedra. Na fase de consultas aberta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e que rematou este luns, a organización nacionalista presentou alegacións a respecto deste proxecto, que no Val Miñor afecta ás localidades de Baiona e Gondomar, solicitando que sexa retirado.

O proxecto recolle a instalación de 33 aeroxeradores, cunha potencia instalada total de de 594 MW, a menos de 29 qm. da costa da Guarda e nunha área de 87,28 qm. cadrados. Contempla, ademais, unha liña de evacuación polo fondo mariño de 30,11qm e outra liña, por terra, de 30,35 qm. ata a subestación eléctrica de Atios, no Porriño, que son as que afectan directamente ás dúas localidades do Val Miñor.

Ademais das posíbeis afeccións ambientais e a caladoiros e recursos pesqueiros, que o proxecto non determina, o parque afecta directamente á Rede Natura e espazos protexidos como o Monte Aloia ou as Gándaras de Budiño.

No que respecta ás liñas de evacuación submarina e terrestre, o documento opta pola  alternativa 2, supostamente máis favorábel, mais admite de xeito implícito que implica afeccións medioambientais e socioeconómicas, para a actividade pesqueira e de tráfico marítimo, e que entra tamén en conflito con áreas poboacionais no seu tramo terrestre.

Así, o trazado do cable de evacuación submarino partiría de Oia e percorrería a práctica totalidade do fronte costeiro de Baiona até A Guarda, atravesando zonas de esforzo pesqueiro das artes de arrastre parella, arrastre porta, cerco e trasmallo.

No seu trazado terrestre, tanto aéreo como soterrado, afectaría aos concellos de Oia, Gondomar, Baiona e Tui, até chegar á subestación eléctrica de Atios no Porriño, traspasando os cursos dos ríos Miñor e Louro. O documento recoñece ademais que afecta a Hábitats de Interese Comunitario (HIC), así como a núcleos de poboación e zonas de gandaría tradicional.

Dado que estivo aberto o período de consultas previas para presentar as consideracións a este proxecto de eólica mariña por parte de entidades e concellos afectados, os portavoces municipais do BNG en Baiona e Gondomar, Iago Pereira e Manuela Rodríguez, preguntarán aos respectivos gobernos municipais se presentaron consideracións ao respecto deste parque e, de ser así, cales e en que sentido.