BNG

O BNG de Gondomar levará a pleno situación provocada pola escaseza de persoal no centro xeriátrico residencial Vila do Conde, radicado na parroquia de Vilaza. Unha residencia de maiores de xestión privada que conta con 130 prazas asistenciais das que 32 son públicas concertadas coa Xunta.

A portavoz municipal Manuela Rodríguez e a deputada do BNG Carmela González mantiveron unha reunión cunha representación do Comité de Empresa. Nela, as traballadoras trasladaron que a residencia conta con menos persoal do que establece a normativa para este tipo de centros. Así, para atender ás 130 persoas usuarias, só contan con 9 auxiliares e unha limpadora na quenda de mañá, na de tarde 7 auxiliares e ningunha limpadora, e  unicamente 2 auxiliares e unha enfermeira na de noite.

Esta evidente carencia de persoal supón que cada traballadora realice moito máis traballo no mesmo espazo de tempo, implica un peor desempeño e provoca nelas unha elevada sobrecarga física e mental que acaba afectando a calidade do servizo.

A falla de efectivos provoca que pola mañá os maiores garden cola para a ducha e vestido, cheguen máis tarde ao almorzo, tomen a medicación con desfases nos horarios ou que non conten con ninguén que os poida acompañar ao servizo ou lles axude na súa hixiene persoal.

A escaseza de persoal tamén supón que as traballadoras, para poder facelo todo antes do final da súa quenda de traballo, teñan que acelerar a recollida do comedor despois da comida ou a recollida de residentes á hora de se deitar, ou reducir os labores de limpeza das dependencias ou no servizo de lavandería.

Desde o Comité de Empresa explican que os incumprimentos en materia de persoal xa foron constatados pola propia Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia en 2023 e 2024, o que motivou a apertura de dous expedientes administrativos que a Consellaría de Política Social aínda non resolveu e dos que tampouco lles dan información.

É por iso que, unha vez esgotada a vía do diálogo coa empresa, que se nega a atender as demandas das traballadoras, e ante a pasividade da Consellería e da Inspección de Maiores, que nin resolve os expedientes nin recibe ao comité para atender as incidencias, decidiron trasladar publicamente a situación.

Diante destes feitos, as nacionalistas consideran que non se poden manter unhas condicións laborais que supoñen unha exceso de carga de traballo para o persoal, que provoca numerosas baixas, riscos psicosociais, estrés e ansiedade, e que conleva, ademais, un grave deterioro da calidade asistencial recibida polos residentes do centro residencial Vila do Conde. “Por iso imos presentar iniciativas tanto a nivel municipal como no parlamento galego. Cómpre esixir responsabilidades á empresa e á Consellaría de Política Social para garantir a correcta prestación do servizo e a óptima calidade asistencial”, indica Carmela González.

Moción no concello de Gondomar

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, anuncia que vén de presentar xa “unha moción instando ao goberno local a mediar, en defensa dos dereitos e intereses das persoas residentes e das traballadoras, para demandar da dirección do Centro que adecúe o cadro de persoal á dimensión do traballo a desenvolver neste centro xeriátrico”, explica Rodríguez.

A moción tamén demanda da Xunta de Galiza que exerza o seu deber fiscalizador, esixíndolle á empresa o cumprimento do convenio colectivo e o incremento do cadro de persoal para o adecuar, en todas as quendas, ás ratios establecidas pola propia administración galega para este tipo de centros asistenciais. Así mesmo, insta a que Política Social resolva os expedientes pendentes e traslade o seu contido ás representantes das traballadoras.

O Concello de Gondomar debe velar polo benestar da toda a súa veciñanza, e as 130 persoas residentes en Vila do Conde tamén fan parte dela”, remarca a concelleira. “É o que cómpre facer, por respecto ás e aos maiores que aí residen e ás súas familias que están a pagar, non pouco, por un servizo que actualmente non reciben.”

FONTE: BNG DE GONDOMAR