O Concello de Gondomar lembrará a figura de Rosalía de Castro cunha programación especial para conmemorar a súa vida e obra no 188 aniversario do nacemento da escritora.
O domingo 23 de febreiro ás 19:00 horas, o Auditorio Lois Tobío acollerá a representación do espectáculo «As Nosas Letras» a cargo do Mago Teto. Un show que conxuga maxia e narrativa, e que rende homenaxe a unha das figuras máis importantes da literatura galega.
O Mago Teto achega o seu primeiro espectáculo coa dinamización e defensa do galego como vehículo condutor das diferentes maxias que contén o espectáculo que rende unha homenaxe á cultura, ás tradicións e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da nosa literatura.
Dende as primeiras manifestacións literarias en galego no misterioso Medievo, ata as letras das cancións dos grupos da nosa terra escritas nos últimos anos, pasando polos Séculos escuros, o Rexurdimento, e o século XX, coas súas guerras, ditaduras e prohibicións, que tanto influíron na situación actual da lingua galega.
Veremos neste espectáculo marabillosas maxias que nos van a espertar o coñecemento histórico e contemporáneo do galego. Levaremos a escena a recomposición das cantigas de Afonso X, descubriremos unha incrible espada enmeigada de Merlín e Familia, o espírito do mestre Castelao fará aparecer un dos seus debuxos no espectáculo, faremos adiviñación semántica con obras de Risco, Rosalía de Castro e Blanco Amor.

